Saturday 04 de May de 2024

A Xunta fará un esforzo orzamentario sen precedentes para garantir un aforro de ata o 19% na factura do lixo, o que se traducirá en case 9 millóns de euros


— O canon de Sogama pola xestión dos residuos urbanos será o máis baixo de España

— A responsable autonómica subliña que o obxectivo do Goberno galego é que a finais de 2022 estea en servizo toda a rede galega de valorización dos biorresiduos, un ano antes do prazo fixado pola UE para a implantación municipal do quinto contedor

— A mellora prevista nas instalacións de Narón licitarase a comezos do ano que vén e permitirá adaptalas para o transvase da materia orgánica recollida separadamente

A Xunta de Galicia fará un esforzo orzamentario sen precedentes para apoiar aos concellos na xestión dos residuos domésticos, o que se traducirá o ano que vén nun aforro de ata o 19% na factura que abonan polo tratamento do lixo —preto de 9 millóns de euros—. Grazas á rebaixa prevista para 2022, de feito, Sogama contará co canon máis barato de toda España.

Así o avanzou esta mañá a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante unha visita á planta de transferencia de Narón, unha das instalacións de Sogama que integrarán a nova rede galega de valorización de biorresiduos impulsada pola Xunta para garantir a implantación municipal do quinto contedor de materia orgánica dentro do prazo establecido —antes do 31 de decembro de 2023—.

En concreto, a responsable autonómica explicou que o aforro estimado para as familias galegas en case 9 millóns de euros conseguirase grazas á rebaixa do 5% do canon de Sogama prevista nos orzamentos de 2022 para todos os concellos adheridos; ao mantemento, por cuarto ano consecutivo, da bonificación do 10% do canon para aqueles municipios que cumpran cos obxectivos fixados en canto á redución dos residuos e á promoción da reciclaxe; e á decisión de non aplicar a suba do 4% do IPC o ano que vén.

Deste xeito, subliñou, o que se busca é amortecer o impacto que terán para as arcas municipais os novos impostos estatais ao vertedoiro e á incineración previsto na futura Lei de residuos, ao tempo que se permite un aforro importante para os cidadáns no que respecta á factura do lixo. “Sogama convértese así na planta máis eficiente e sostible desde o punto de vista económico e medioambiental de toda España”, asegurou.

Así mesmo, a conselleira tamén avanzou que en materia de xestión de residuos o outro gran obxectivo da Xunta é que a finais de 2022 se poidan poñer en marcha todas as infraestruturas necesarias para a implantación en Galicia da recollida selectiva da materia orgánica, é dicir, un ano antes do prazo límite fixado pola UE para os concellos.

Para cumprir con esta meta e pechar o círculo da xestión sostible dos residuos na Comunidade, Ángeles Vázquez explicou que un dos eixes dos orzamentos do seu departamento para 2022 será a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, cun investimento de máis de 60 millóns de euros durante os seus dous anos de vixencia, dos que máis da metade se mobilizarán o ano que vén.

Precisamente, lembrou que a semana pasada o Consello da Xunta coñeceu o contido deste documento, que marcará a folla de ruta a seguir para impulsar a implantación en Galicia da recollida separada dos diferentes fluxos de residuos domésticos.

Así, a conselleira explicou que no marco desta estratexia se prevé a construción de tres novas plantas —en Vilanova de Arousa, Cervo e Verín—, que xunto coa que xa está operativa en Cerceda destinaranse ao tratamento da materia orgánica; e a creación ou adaptación e mellora dun total de 13 plantas de transferencia, instalacións imprescindibles para garantir a recollida e unha correcta xestión deste tipo de residuos. Grazas á rede deseñada pola Xunta a través de Sogama, dixo, máis de 2,2 millóns de galegos terán a menos de 50 km unha planta de biorresiduos ou unha de transferencia.

Así mesmo, tamén se referiu ás oito novas liñas de axudas previstas na Estratexia, cun orzamento de 20 millóns de euros e dirixidas a concellos e cidadáns para impulsar a economía circular a nivel municipal a través da xestión separada dos diferentes residuos.

Melloras na planta de Narón
Durante a visita, na que estivo acompañada polo presidente de Sogama, Javier Domínguez, e a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, a conselleira explicou que grazas ás melloras previstas nesta planta de transferencia —que se licitarán a comezos do ano que vén e terán un investimento estimado de 300.000 euros— poderase transvasar tamén a materia orgánica recollida no contedor marrón, a maiores dos residuos procedentes das bolsas negra e amarela.

Neste sentido, cómpre lembrar que as actuais instalacións permiten dar servizo a un total de 24 concellos e reciben máis de 70.000 toneladas anuais (entre bolsa negra e amarela, segundo os datos de 2020).

Ao respecto, a alcaldesa de Narón agradeceu o “esforzo” da Xunta para mellorar a planta de transferencia do municipio, unha actuación que considerou “a mellor solución para os veciños” tendo en conta que o novo contrato para a recollida dos residuos urbanos xa contempla a implantación do contedor marrón, destinado á fracción orgánica.